Sunday 28 de April de 2024

O campamento de conciliación da Pobra continuará ata o día antes do inicio do curso escolar


O campamento de conciliación que se desenvolve no C.E.P. Salustiano Rey Eiras e no cal participan 40
crianzas seguirá funcionando ata o día antes do inicio do curso escolar. Este é o quinto ano en que se presta este servizo a través da Concellaría da Igualdade do Concello da Pobra do Caramiñal. Ademais, inclúe o Servizo de Madruga e comedor para dar maiores facilidades ás familias usuarias.
Ata alí desprazouse hoxe a edil da Igualdade, Charo Varela, para, xunto ao coordinador, Rubén López, explicaren o propósito do campamento, o cal durante todo o verán contou con 65 nenos e nenas, sen se limitar unicamente á localidade, pois tamén poden facer uso del familias de municipios limítrofes e, incluso, aquelas que veñan gozar da comarca na época estival.
Xunto coas cinco monitoras e o coordinador, os cativos e cativas, con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos, desenvolven diversas actividades cunha vertente educativa e lúdica adaptada a cada rango de idade. Por exemplo, no día de hoxe estiveron divertíndose da man de Troskita.
Cómpre lembrar que, a maior parte do tempo, sempre que a climatoloxía o permite, as propostas están focalizadas en aularios exteriores para evitaren permanecer en espazos pechados por mor do coronavirus. Unicamente se desprazan ao interior do centro educativo para faceren uso da Internet e das
tablets. Estes 20 dispositivos adquiridos pola Administración local permítenlles socializar a través de xogos de mesa e de lóxica, todos eles virtuais. Seguindo o protocolo de seguridade establecido por mor da COVID-19, emprégase en todo momento a máscara e mantense a separación.